Elefante Elegante

En marzo a compañía Elefante Elegante gañaba o premio á mellor montaxe teatral de Galicia no 2012 na decimosétima edición dos Premios María Casares. E hoxe quixemos entrevistalos para coñecer de preto o seu traballo en teatro infantil. O xogo corporal e a linguaxe teatral de Elefante Elegante engaiolan aos nenos alí por onde pasan e por iso preguntámoslle a Gonçalo Guerreiro e María Torres por que é tan importante o teatro para os máis pequenos…

nuncabunga

Foto: Iria Pinheiro

“O teatro é importante para todos, adultos e nenos porque favorece a reflexión e o espírito crítico. Como os nenos están en proceso de confirmación da personalidade, axudaos a desenvolver a sensibilidade e a vehiculizar as emocións. As artes en xeral e o teatro en particular, deberían estar presentes na formación académica de base.  Como se adoita decir, “o teatro é un espello da realidade”. Vehicula o coñecemento do outro e de min mesmo. Daquela, que mellor xeito de tomar consciencia da realidade, que indo ao teatro?”

 – Son os nenos un público esixente?

Esixentísimo. Os nenos sonche sinceros e directos. Non se “comportan ben” nun teatro por educación. Se a obra non lles interesa, distraense, movense e falan. Ao público infantil hai que telo enganchado todo o tempo. Iso fai que os espectáculos teñan que estar ben calibrados. Precisan dos seus momentos de tensión e relaxación de xeito a ter ao xove espectador atento, pero deixandoo respirar e descansar segundo uns principios dinámicos ben establecidos. Pero isto tamén é verdade relativamente ao público adulto. A diferencia é esa “politesse” que temos os maiores e que os cativos van adquirindo á medida que medran.

– Que lles intentades transmitir na obra Nuncabunga e no resto de obras infantís?

Cada espectáculo ten a súa temática, polo tanto evoca conflitos diferentes. No caso de Nuncabunga cuestionamos a relación do ser humano respecto ao descoñecido, ao novo e ao diferente e pretendemos deixar claro que os prexuizos e as etiquetas que tan frecuentemente atribuimos aos demais, son xeitos demasiado simplistas de abordar as relacións humanas.

Paralelamente a isto, abordamos tamén o concepto de territorio que está relacionado coa apropiación e valorización do espazo mediante a representación e o traballo. Intimamente ligado ás nocións de poder e fronteira, representa un pilar fundamental na creación da nosa identidade social e cultural. Nuncabunga interroga tamén o significado do territorio hoxe en día. Ese espazo mínimo fundamental para o denvolvimento do ser humano. Pero todo isto é o que nos guía no proceso creativo. Ao espectador convidámolo a disfrutar dun espectáculo sen palabras que desexamos sexa cómico e poético. Se despois el realiza a labor de pensar sobre o que viu ou non, iso non o podemos controlar.

– Credes que en Galicia hai suficiente oferta cultural de calidade para as familias?

Si. Hai varias compañias galegas que desenvolven un traballo teatral para a infancia e o público familiar de grande calidade, pero precisan dunha forte vontade política. Os poderes públicos relacionados coa cultura teñen que facer un esforzo no sentido de asumir as súas responsabilidades coa cidadanía. O teatro e todas as formas de arte, así como a educación e a sanidade non teñen que ser economicamente rentables. Son bens fundamentais ao ser humano e responsabilidade dos políticos eleitos. Temos que esixirlles que coiden da cultura do seu pobo e que non deixen que o teatro faleza.

 – Está o teatro nun bo momento? Valórase o teatro infantil en Galicia?

O teatro está nun pésimo momento. Non sabemos como vai ser o noso futuro. Felizmente a Rede Galega de Teatros e Auditorios está funcionando, discretamente, pero funcionando. Pero o teatro sen un forte apoio á produción e á distribución non pode sobrevivir. Agora mesmo, non sabemos se a Xunta de Galicia vai apoiar as producións deste ano. Precisamos dunha resposta positiva con urxencia. Nos últimos anos xurdiron moitos proxectos teatrais novos en Galicia. O panorama tearal medraba con ganas, tanto a nivel do teatro como da danza, pero actualmente hai un parón asustador. Os problemas económicos non poden ser disculpa. Adaptámonos todos ás novas circunstancias, pero non se pode parar.

O teatro infantil en Galicia tense valorado cada vez máis. Hai unha forte presenza do público nas actuacións e hai moita variedade de propostas. Da parte dos programadores hai interese polo noso traballo e en presentalo ao público. Oxalá poida seguir existindo.

elefante elegante

Foto: Iria Pinheiro

Podedes coñecer máis sobre Elefante Elegante e o seus espectáculos na súa web e tamén a través do Facebook.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s